Sunday 12 de May de 2024

Un cento de alumnos inicia na Coruña e Redondela un curso de prevención de riscos laborais impartido pola Xunta


A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza a acción formativa que terá lugar ata o venres nos centros do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) das dúas localidades

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza esta semana as segundas edicións de 2016 dos cursos básicos de prevención de riscos laborais nos centros do ISSGA da Coruña e Rande, en Redondela. Deste xeito, un cento de alumnos inicia mañá a acción formativa que rematará o venres e que conta con 35 horas de duración.

O obxectivo desta actuación, que forma parte da oferta formativa do ISSGA para o ano 2016 e que está destinada á poboación traballadora e aos expertos en prevención, é proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que os capaciten para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo.

Entre esas funcións de nivel básico, están a de promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e protección e fomentar o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación; colaborar na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.

A oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña, e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. Estes son o quinto e sexto curso básico presencial dun total de 12 que se realizarán durante todo o 2016 nos centros provinciais do ISSGA.

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Neste senso, aparte deste programa formativo, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.